Tuesday 30 de April de 2024

O pleno de Brión apoia por unanimidade a comunidade escolar do IES para garantir un número de profesores suficiente


Todos os grupos respaldaron a proposta do PSOE para instar á Xunta a controlar a poboación de xabaríns e compensar danos nas colleitas

O pleno de Brión acordou este mediodía por unanimidade apoiar a comunidade escolar do IES en todas as iniciativas que desenvolva para conseguir un número suficiente de profesores no novo curso. Segundo a información dispoñible a última hora de onte no centro, se a Xunta non asigna máis persoal nalgún curso a dirección verase obrigada a crear dous grupos de 35 alumnos cada un.

O alcalde de Brión, Xosé Luis García, que presentou a proposta como unha moción de carácter urxente in voce na sesión plenaria, afirma que “apoiamos a dirección do centro, o seu equipo de docentes e as ANPAS para que se corrixa unha medida que vai en detrimento da calidade do ensino no noso instituto”. O rexedor agarda que a Consellería atenda as reclamacións e asigne máis persoal ao IES.

Control do xabaril
Por outra parte, a corporación tamén aprobou por unanimidade unha moción do grupo de goberno para instar ao executivo autonómico a controlar a poboación do xabaril e evitar os danos ambientais e socioeconómicos que esta especie ocasiona nas colleitas de horta, millo ou prados. O rexedor explica que existe unha gran preocupación entre a veciñanza porque a poboación do xabaril está medrando sen control.

Por iso, a proposta empraza á Xunta a efectuar un censo da poboación de xabarís, a artellar e aplicar un plan de xestión da especie que sirva para estabilizar o seu número e minimizar os prexuízos que causa e a modificar a Lei de Caza de Galicia para favorecer a implicación e colaboración das sociedades cinexéticas no control do xabaril. Do mesmo xeito, o pleno demanda que a administración autonómica estableza axudas económicas para paliar e compensar os danos ocasionados.

Festivos locais
Da sesión de hoxe tamén saíu o acordo sobre os festivos de carácter local para o vindeiro 2019. Por unanimidade, decidiuse que sexan o 30 de maio e o 27 de setembro, festas da Ascensión e da Santa Minia.